16 de outubro de 2017

O universo de seres solitarios de Anna Gavalda




Iniciamos un novo curso académico os membros deste club de lectura, que ten o mérito de estar integrado polos mesmos rapaces e rapazas desde hai catro anos, con algunha nova incorporación. A obra escollida é unha novela longa Xuntos e mais nada, escrita no ano 2004 pola autora francesa Anna Gavalda. Neste libro asistimos ao nacemento dunha sólida amistade de catro personaxes, un deles unha anciá que vive soa e que está moi enferma. As historias particulares de Camille, Philipe, Franck e a súa avoa Paulette, van aproximándose cada vez máis  e enganchándonos nunha novela que se le con moito interese ata o final.

28 de maio de 2017

Adolescencia na Praga da posguerra



Rematamos o curso lendo unha das obras máis recoñecidas do debuxante italiano Vittorio Giardino, a triloxía de Jonas Fink. Nestes tres libros o autor constrúe a vida do protagonista, un adolescente xudeu, que ve como todo o seu mundo se vén abaixo cando o seu pai é acusado de actividades contrarrevolucionarias.  A través dunhas imaxes de grande beleza e expresividade que recrean a cidade de Praga na década dos cincuenta Jonas aprende a ser adulto a pesar de todas as dificulatades que vai topando no seu camiño.

25 de abril de 2017

Lendo a Bardin



John Franklin Bardin é un dos iniciadores da novela de intriga psicolóxica e un dos grandes mestres do xénero. Esta novela non pode ser resumida, son constantes os xiros, o autor está xogando sempre co lector, que se ve sorprendido en cada capítulo por un acontecemento inesperado. O argumento desta novela é orixinalísimo e nas súas páxinas vemos o mundo da loucura, das falsas identidades, do crime narrador cunhas efectivas doses de suspense.

13 de febreiro de 2017

O trasfondo dunha amizade


Esta breve novela publícase no 1938, moi pouco antes do inicio da Segunda Guerra Mundial, escrita pola autora estadounidense Kressman Taylor. Nela, a partir das cartas que se intercambian dous amigos, un que vive en Estados Unidos e outro en Alemaña, a escritora mostra de maneira sutil e impactante a historia que está acontecendo neses momentos en Europa. Esta novela permaneceu no esquecemento durante moitos anos e foi rescatada no 1995, sendo unha das obras máis significativas sobre o tema do nazismo.

O xénero negro en imaxes: Blacksad





Continuamos as lecturas do curso co primeiro volume dunha serie, Blacksad de Juanjo Guarnido (ilustrador) e Juan Díaz Canales (texto). O resultado é un excelente libro de xénero policial que ten como característica especial o feito de que todos os seus personaxes son animais. O protagonista é o detective John Blacksad quen, neste primeiro volume, tenta esclarecer as causas da repentina morte da súa antiga noiva.
Por outra banda no club de 1º de ESO volvemos ler a suxerente historia creada por Jordi Lafebre e Zidrou, Lydie.