23 de outubro de 2019

Sobre os límites entre a realidade e a fantasía


Empezamos novo curso e tamén novos lectores se incorporan ao club. Desta vez temos dúas propostas distintas, dúas historias con linguaxes tan diferentes que semellan non ter nada en común. Unha delas é a banda deseñada de Lydie, dos autores Jordi Lafebre (debuxante) e Zidou (guionista). É unha historia sinxela acontecida nunha cidade francesa na primeira metade do século XX. Outra é a novela de Suzanne Collins, Los juegos del hambre, primeira parte da triloxía, concebida como un reality show e ambientada nunha sociedade futura onde a supervivencia depende da violencia. Cal das dúas historias narradas é máis real? Verdadeiramente teñen algo que ver mundos tan distintos? Haberá que esperar ao martes día 9 de decembro, día da xuntanza do club, para que os lectores e lectoras se pronuncien.

16 de xaneiro de 2019

Outras novelas de Arthur Conan Doyle



O escritor clásico británico A. Conan Doyle fíxose mundialmente coñecido grazas á creación do seu personaxe Sherlock Holmes, protagonista dunha serie de novelas de intriga e crimes, moitas das cales foron levadas ao cine. Mais o autor tamén escribiu unha serie de novelas de ciencia ficción protagonizadas polo profesor Challenger e esta é unha delas: Área tóxica!, publicada en 1913. A novela empeza cun acontecemento inquietante, a atmosfera da terra está volvéndose irrespirable e pode acabar coa humanidade.