22 de outubro de 2018

Falando de sentimentos


Este novo curso 2018-2019 o club de lectura empeza cun libro de David Foenkinos titulado La delicadeza, que nos conta o día a día de Nathalie, unha muller que cría telo todo na súa vida ata que unha traxedia inesperada fai que perda o que máis amaba e teña que reconstruír a súa existencia. A novela fala de cousas cotiás ás que non lle damos importancia pero que son valiosas, de persoas que nos pasan desapercibidas e que nos son necesarias, e fai unha análise detallada do comportamento humano e do mundo dos sentimentos. Publicada en Francia en 2009 foi un éxito de ventas e deulle numerosos premios ao autor que acabou levando ao cine a súa novela.

17 de maio de 2018

A curiosidade dunha rapaza de once anos


Factoría K de Libros publica está novela de Jackeline Kelly que fala do despertar da curiosidade científica dunha rapaza de once anos influída pola personalidade do seu avó. Comeza a historia no verán de 1899, acontece en Texas, e sempre está contada desde a perspectiva da rapaza, de aí a frecura e a sinxeleza coa que Calpurnia nos transmite os seus descubrimentos.

10 de abril de 2018

Do libro á pantalla

Tras a lectura do libro La perla de Steinbeck, os membros do club de lectura compartimos unha sesión de cineclub vendo a versión cinematográfica mexicana de dita novela rodada en 1945 e dirixida por Emilio Fernández.

6 de marzo de 2018

A pequena obra mestra de John Steinbeck



Continuamos a nosa andaina no club de lectura cunha pequena obra en canto a número de páxinas mais dunha fondura ética inmensa. É La perla, do escritor estadounidense John Steinbeck, gañador do Premio Nobel de Literatura. Nela asistimos ao enfrontamento entre dous mundos separados pola desigualdade social, a riqueza fronte a pobreza. Unha lectura profunda que nos convida a múltiples reflexións.

20 de febreiro de 2018

Xuntos e mais nada, a película



O libro de Anna Gavalda foi levado ao cine no ano 2009 polo realizador francés Claude Berri. No club de lectura, tras compartir os nosos pareceres sobre a novela fixemos unha xornada de "Cine e Literatura" na que vimos o filme e intercambiamos impresións sobre o mesmo. A opinión unánime foi moi eloxiosa.